Comezando con Android, unha guía básica



Non importa que fose un agasallo, que fora o terminal que che ofreceu a túa operadora para que continúes con ela outros 2 anos máis ou que simplemente quixeses formar parte da comunidade con smartphone. Tes un novo dispositivo Android e queres saber que podes facer con el: chegaches ao sitio indicado, nesta pasa recollemos o que debes saber para comezar. Así mesmo, podes pasarte polo noso AndroDic, un espazo no que definivos varios termos.

Unha pequena introdución a Android

Android Inc. era no 2005 unha startup florecida en California (Estados Unidos) que, como outras moitas, se adicada ao desenvolvemento de software para dispositivos móbiles. En xullo dese ano, o xa convertido en xigante buscador Google adquire Android Inc e comeza a desenvolver un sistema operativo para móbiles baseado en Linux.

O 5 de novembro de 2007 anúnciase a creación da Open Handset Alliance, unha alianza comercial da que forman parte (actualmente) 84 compañías adicadas ao desenvolvemeneto de estándares abertos para dispositivos móbiles, da que forman parte, xunto a Google, os princiapis fabricantes de electrónica e varios operadores de telefonía móbil. Parello a iso anúnciase a creación da plataforma Android, como sistema operativo.

HTC Dream

En outubro do 2008 ve a luz o T-Mobile G1 (HTC Dream), o primeiro terminal que conta co sistema operativo de Google, na súa versión 1.0. Nese mesmo mes Android está dispoñíbel como código aberto, o que abre a porta a que calquera persoa poida desenvolver aplicacións para os dispositivos que corren este sistema operativo.

As sucesivas versións de Android levan o nome de doces, na súa nomenclatura en inglés e orde alfabética, comezando en 1.5 - Cupcake:

  • Android 1.0 / 1.1 (sen nome)
  • Android 1.5 (Cupcake)
  • Android 1.6 (Donut)
  • Android 2.0 / 2.1 (Eclair)
  • Android 2.2 (Froyo)
  • Android 2.3 (Gingerbread)
  • Android 3.0 / 3.1 / 3.2 (Honeycomb)
  • Android 4.0 (Ice Cream Sandwich)
  • Android 4.1 / 4.2 (Jelly Bean).
Primeiros pasos

Teño o meu novo smartphone (ou tablet), que preciso?

Para comezar,é imprescindíbel dispor dunha conta de Google ("Gmail"). É certo que podemos usar o noso dispositivo como teléfono "de toda a vida" sen iniciar sesión coa conta de Google, pero de pouco nos serviría o terminal. Iniciar sesión coa conta de Google permítenos ter sincronizado todo coa nube (correo, calendario, música...) e o máis importante, instalar aplicacións desde a tenda (Play Store), como veremos máis adiante.


Se xa temos unha conta de Google, a nosa recomendación é que adiquedes o tempo que precisedes a sentarvos diando do ordenador para pasar os contactos a Gmail. Referímonos con isto a completar, na medida do posíbel, cada contacto coa información completa (nome completo, teléfono(s) e correo electrónico). Que gañamos con isto? Que cada vez que introduzamos un contacto sincronizarásenos e terémolo dispoñíbel na nube para sempre. Así, cando mudemos de terminal, simplemente ao acceder coa conta de Google teremos todos os nosos contactos no novo dispositivo de xeito totalmente transparente.

Pero ademais é importante asegurarnos de que contamos cunha tarifa de datos contratada co noso operador de telefonía móbil. Outra vez, non é algo imprescindíbel, pero moi necesario se queremos sacarlle partido ao terminal. Se mercamos o smartphone a través da nosa operadora, este xa virá coas configuracións de Internet móbil precargadas e, en moitos casos, os dispositivos libres tamén "autodetectan" o noso operador cando introducimos a SIM. Se non fose o caso, teremos que acceder ao menú de Axustes (Redes inarámicas, Redes móbiles, APN) para introducir o APN que nos facilite o noso operador.

Co que comentamos até o de agora, xa poderíades comezar a disfrutar do voso smartphone. Pasamos pois a falar dos "segundos pasos".

"Segundos" pasos: a personalización


Podemos comprobar que cando iniciamos o teléfono aparécenos unha pantalla principal (escritorio), na que adoita aparecer un reloxo e as iconas dalgunhas aplicacións. Se desprazamos co dedo a pantalla cara a dereita ou a esquerda veremos aparecen outras pantallas. Nelas podemos poñer accesos ás nosas aplicacións favoritas (para non ter que entrar desde o menú de aplicacións) ou widgets (pequenos programas que nos amosan información en pantalla - por exemplo, o tempo - sen necesidade de entrar nunha aplicación).

Para poñer unha aplicación en pantalla, temos que acceder ao menú e clicar sobre a icona que nos interese e, sen soltar, arrastrarémola até o escritorio onde a deixaremos colocada. Nas últimas versións de Android a colocación de widgets no escritorio tamén se fai así, pero nas máis antigas habería que clicar prolongadamente desde calquera escritorio e seleccionar a opción pertinente.

Ao contrario, para eliminar unha aplicación do escritorio clicaremos na súa icona e, sen soltar, arrastrarémola até a papeleira que se nos terá aberto.

Podemos (e debemos) buscar máis aplicacións para instalar que as que veñen preinstaladas polo fabricante e/ou operadora. Para iso clicaremos na icona da Play Store e aló procuraremos o que nos interese instalar.

Consideracións importantes

A barra de notificacións


A barra de notificacións é a liña que aparece na parte superior da pantalla na que se atopa o reloxo e as iconas de cobertura ou batería. Aló aparecerán tamén as notificacións de correos, mensaxes ou outras cousas que notifiquen as aplicacións. Arrastrando co dedo cara abaixo despregaremos esa barra para poder velas e interactuar con elas.

Batería
Se o teu anterior terminal foi un smartphone, pouco temos que engadir aquí. Pero se vés dun teléfono normal sorprenderache que a batería nun smartphone dura pouco (1 ou 2 días). Nesta entrada indicamos algunhas consideracións de como aforrar batería.

Memoria chea

Algúns terminais Android, sobre todo os máis antigos e as gamas máis baixas (os máis baratos), pode que sufran de pouco espazo de memoria interna dispoñíbel. Por iso, nestes terminais máis limitados, é recomendábel instalar unicamente as aplicacións que empreguemos e levar a cabo certas operacións para liberar espazo e facer desaparecer esas molestas indicacións. Nesta publicación podedes ver algúns dos "trucos" que recomendamos.

Instalación de aplicacións desde o ordenador

Ademais de poder instalar aplicacións desde a Play Store no noso dispositivo, tamén podemos acceder á tenda de xeito máis cómdo desde a Internet nun ordenador, no enderezo http://play.google.com Aló podemos buscar aplicacións (música, libros, películas...) e instalalos no noso terminal en remoto facendo clic en "Instalar".

Somos conscientes de que nesta guía introdutoria quedan moitas cousas por falar, mais tampouco pretendemos achegar toda a información de vez. Malia todo, é a nosa vontade ila editando para mellorala e mantela actualizada, tamén coa túa axuda. Se cres que debería aparecer algunha cousa ou se quedaches con dúbidas, non dubides en contactar connosco.