Colabora connosco


Android está cada vez máis presente nas nosas vidas. Por iso, día a día, xérase moita información, aparecen novos terminais e publícanse ducias de aplicacións que hai que analizar, tratar e ampliar para poder publicar e facela interesante para as e os lectores.

Co afán de poder seguir medrando para ser o punto de referencia no panorama Android galego, gustaríanos convidarvos a que vos animedes a colaborar connosco nesta tarefa. Neste sentido, propómosvos tres xeitos de facelo:
  • Incorporándovos ao equipo de redacción de Mallando no Android. Para ilo pedímosvos paixón e interese (obvio, non?) por Android e que vos desenvolvades medianamente ben en galego (tranquilidade, revísase a linguaxe antes de publicar as novas). Así mesmo, sería bo ter dispoñibilidade par escribir 2 - 4 publicacións semanais, aínda que nos podemos adaptar a calquera dispoñibilidade que teñades.
  • Gravando unboxings. Para moitos usuarios é importante ver que hai dentro das caixas dos dispositivos que van mercar. E como é imposíbel dispor dunha unidade de cada terminal que sae ao mercado, se vos facedes un dispositivo, podedes gravar o vídeo da primeira apertura e facérnolo chegar para publicar no blogue (algúns exemplos, aquí).
  • Facendo colaboracións puntuais. En calquera momento, se queredes falar dalgunha aplicación ou algo, podedes contactar connosco e enviarnos os vosos artigos para que publiquemos. Terán, claro está, que seguir a liña do que publicamos no blogue.
Así que xa sabedes, se vos interesa colaborar na labor de androidizar o mundo, non tedes máis que poñervos en contacto connosco a través de android(at)mallando.com. Estaremos encantados de que comecedes a formar parte do noso equipo :)